martes, 28 de septiembre de 2010

A ritmo de salsa e ballenato


Hoy os presentamos un artículo publicado en galiciahoxe.com por nuestro compañero Xoxé Gago donde habla de las excavaciones en A Lanzada y de nuestra pasada charla.

Xa levamos unhas cantas xeiras combinando a forza motriz dos nosos bois coa da Décima Onda. Durante esta serie que iniciamos case en maio, coas labouras de desbroce do Campo da Lanzada, quixemos achegarnos ao que significa unha escavación arqueolóxica, dende os factores máis humanos como ir coñecendo a equipa a través das diversas entregas ou aos diversos membros da comunidade local que nos acompañaron no noso De Lorean, ate os aspectos máis metodolóxicos, a medida que seguiamos os achados que se producían, en tempo real, transmitindo a fascinante inmediatez das interpretacións arqueolóxicas a pé de campo.

A serie da Décima Onda aínda terá un par de viaxes máis, pero as escavacións da Lanzada chegaron á súa fin o pasado venres 17, polo que non podemos evitar certa tristura, pois de seguro, teremos morriña das nosas visitas semanais nas que non parabamos de abraiarnos. Agora vén a etapa de consolidación de estruturas, de restauración dos materiais, de elaboración das memorias, de poñer a punto as interpretacións, e por suposto, para os interesados, as visitas guiadas continuarán. Do 19 de outubro ao 10 de decembro haberá visitas guiadas gratuítas os martes e xoves previa reserva telefónica chamando ao 600940133, en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas.

Sen dúbida, o achado máis importante desta campaña foi a factoría de prebes de peixe tipo garum, non tanto pola estrutura en si, que tamén, senón polo que nos conta da subestimada Galicia prerromana. Ate o momento, había constancia doutras factorías de salgadura e salsamenta na Gallaecia pero todas posteriores á invasión romana.

O xoves pasado, día 16, estiveron na Casa das Canteiras de Noalla os expertos en arqueomalacoloxía da Universidade de León, Víctor Bejega e Eduardo González, quen explicaron na súa conferencia os factores determinantes da explotación do medio mariño en época prerromana e o cambio no sistema produtivo trala chegada dos romanos.

Segundo o estudo dos cuncheiros de diversos castros galegos, pódese observar como antes da chegada de Roma hai una recolección de subsistencia, na que sobrancean algunhas especies mais sen haber unhas preferencias moi definidas. Unha vez chegan os romanos empeza a "pesca industrial" cunha especialización en determinados moluscos ou peixes, os máis cobizados polas clases altas urbanitas romanas. Xa non é unha pesca de subsistencia senón destinada ao comercio, á exportación, polo que tamén sofre transformacións no que ten que ver coa tecnoloxía, tanto naval como pesqueira, chegándose a capturar especies a maior distancia da costa e que habitan a maior profundidade.

Isto é así nun principio porque despois de Lanzada ábrense moitas incógnitas. O feito de que haxa unha factoría prerromana fálanos de que xa había unha pesca orientada ao comercio antes da invasión e consecuentemente unha pesca non de subsistencia senón especializada.

E que pasa coas distancias? Pois o mesmo, na Lanzada aparecen, antes da chegada dos romanos, especies que non encaixan nese modelo por habitar lonxe da costa e esixir organización para a súa captura como son o atún ou a balea. Balea, si, ou baleato. Poderían ser restos de baleas varadas, pero por que non aparecen noutros castros costeiros e si neste castro tecnoloxicamente tan avanzado?

Como xa apuntamos nalgunha ocasión, cando os arqueólogos abren un depósito, contéstanse algunhas preguntas pero sobre todo ábrense novas interrogantes.Precisamente, estes investigadores leoneses van dedicar o seu tempo aos restos faunísticos da Lanzada, como xa fixeron cos do Neixón, actualmente o xacemento galego mellor estudado a este nivel. Tratarán de responder estas cuestión. Tratarán de achegarse á realidade da fabricación de licuamen na máis antiga factoría deste tipo no Noroeste.

Estas salsamenta tipo garum ou licuamen, polo que puidemos ler nestes días, non teñen unha receita única e canónica, en cada sitio introducíanse cambios nas proporcións ou mesmo nas especies empregadas. Facendo deste xeito que fosen máis cotizadas as dalgúns lugares que as de outros. Primitivas Denominacións de
Orixe.

Como xa apuntamos, o garum era un produto de luxo carísimo naquel tempo feito con pescado en descomposición. Segundo as receitas de Apicius que chegaron ate nós, empregaríase como un potenciador do sabor. Cando penso no garum, penso no meu avó botándolle Bovril á sopa. Un produto fedorento, de sabor forte, pero a quen lle gusta… O certo é que pensamos con noxo no garum, pero todo é cultural. O queixo de Cabrales, por exemplo, podería estar noxento, porén é un manxar. E se o pensamos, en certo modo, o xamón curado non deixa de ser carne putrefacta…

Como se facía o licuamen en Galiza?, Con que?, para quen?.

Nun principio, a pesar das varianzas sinaladas, o máis empregado no orbe romano era peixe miúdo tipo xouba ou xurelo, ás veces só as tripas, ás veces o peixe enteiro, que se salgaba e se deixaba podrecer dun xeito controlado para logo filtralo e envasalo en ánforas para a súa distribución. O que máis se detecta no cuncheiro asociado á factoría da Lanzada, a simple vista, son cunchas de lapa. Polo seu tamaño non compensaría o esforzo de apañalas coha achega calórica, son lapas moi pequenas. Mais se cadra estamos ante unha das primeiras capturas especializadas. Para darlles sabor a estas salsas non importaría moito o tamaño da lapa. Polo que vemos, hai tres elementos importantes para este tipo de comercio. O produto do mar, o sal e o envase. Produto do mar, non nos falta.
Sal, xa falamos aquí das importantes salinas na Idade Media da zona. De feito, ao Salnés vénlle o nome precisamente das salinas.Mais que pasa co envase?
Acontecería como nas modernas conserveiras galegas que envasaban os seus produtos con latas feitas co noso estano pero nos altos fornos de Euskadi? Ou podemos esperar que haxa preto da Lanzada un centro oleiro encargado de facer as ánforas como sabemos que acontece noutros lugares dependentes do comercio púnico?.Evidencias non temos pero nada é descartábel.

A conferencia de Víctor e Edu, deveu como sempre nunha interesante conversa na que se falou da vertente simbólica das cunchas. Nomeadamente a vieira, vinculada dende antigo a Venus e reinterpretada polo cristianismo como símbolo xacobeo. Actualmente, a cuncha de vieira é un dos símbolos do noso país, de aí, que tal e como nos comentou Don Cipriano, a MNSA, a importante estannífera situada en Carril da que xa apuntamos algo na sección, adoptouna como símbolo. O malo foi que había outra gran multinacional con este símbolo, a petroleira Shell. Para facernos unha idea da importancia desta empresa e do estano galego no comercio mundial, simplemente dicir que esta empresa de Carril, gañou un preito contra o xigante ianqui polo uso da cuncha de vieira podendo utilizala ate a súa desaparición nos anos setenta.


Outro dos temas que saíron na conversa foi o tema do talle relacionado coa evolución da dieta. Víctor sinalou que hai estudos que indican que os talles dos cazadores-recolectores era maior que o dos primeiros agricultores. Cousas do estrés. Ou como diría un vello da Costa da Morte tras unha visita á Amazonía, esa xente non ten preocupacións, as necesidades básicas téñenas cubertas. Botan a man e o primeiro que collen poden levalo á boca- facendo alusión a que no fondo son máis felices que os europeos.

Por certo, que do tema dos talles dos nosos antepasados falaremos a semana que vén, despois da conferencia de Olalla López, a antropóloga forense que acaba de realizar un estudo sobre os ósos exhumados nas anteriores campañas na Lanzada.

Pero que pasaría se os nosos antergos fosen, de media, máis altos que nós e que os habitantes do resto da península daquela época?

No hay comentarios: